Coma continuación do meu anterior artigo vou falar do artigo, do artigo determinado co que algúns teñen a ben “adornar”, por suposto en perfecto castelán, o nome da nosa cidade.
A miña opinión ó respecto é clara: paso de que me metan en líos Coruños-Galicio-Bilingües que, ademais, xeran debates totalmente artificiais e inexistentes nesta cidade.
O topónimo oficial é Ferrol, porque así se decidiu no seu momento, no ano 1982, cando con moi bo criterio, eliminouse do topónimo a ese “Fresco general venido del Norte” coma o denominaba, en xerga meteoroilóxica “La Codorniz”, tamén coñecido coma “Caudillo de España por la gracia de Dios” segundo as moedas que el mesmo acuñara. (Que digo eu que Deus, posto a facer gracias, podía adicarse a contar chistes en vez de a facer putadas, ¿non si?).


Tamén é Ferrol porque, segundo recoñece Montero Aróstegui no seu libro “Historia y descripción de la ciudad y departamento naval de El Ferrol” na primeira acta que no intre da redacción do seu libro (1858) se conservaba do concello, falábase da “villa de Ferrol”. (E iso que dito por un autor que no título de seu libro prefire o uso do topónimo con artigo e, polo tanto, nada sospeitoso de ser un “comeartigos” nacionalista).
E tamén é Ferrol porque, en moitos documentos antigos, mentres que se fala da vila de A Graña (ou La Graña, se o documento está en castelán), noméase sen embargo a poboación existente da outra beira da enseada da Malata como Ferrol, sen artigo.
¿Que en qué documentos pasa isto? Pois, por exemplo, no plano da ría de Pedro Teixeira de 1634, na descrición do porto de Ferrol de B. Gómez de 1639 ou o plano da ría de Ferrol e o seu sistema defensivo de J. Sánchez Bort de 1771.
¿Que tamén hai moitos documentos que falan de El Ferrol? Abofé, non o vou negar. Parece que o debate entre artiguistas e non artiguistas pode vir…ata do século XIII. Agora ben, nos documentos máis antigos predomina, ó meu entender, a forma sen artigo, que sen embargo pasa a ser preponderante no S. XVIII. Por iso me decanto polo topónimo “pelado”.
En cuarto lugar, é Ferrol porque os outros lugares con idéntico topónimo existentes nesta zona do mundo, tanto en Carballo coma en Xove e en Castropol, tamén passan do artigo, e xa empezamos a ser de máis e vir de moi lonxe e moi antigo para ser unha confabulación xudeu-masónica de perigosos esquerdistas os nonartigueros.
E, para finalizar, é Ferrol porque eu nunca escoitei a un ferrolán dicir que el era de “El Ferrol”, mentres que unha noite, paseando as ramblas de Barcelona, sobresaltoume unha turba de rapaces que ían de marcha berrando a gorxa rachada…¡¡¡QUE SOMOS DE FERROL!!!
E, ¿sabedes quen estaba ó final da rambla esperando aos de Ferrol?

En efecto, a Negra Flor.
Deica meus.
(Homenaxe a Güili, o zángano máis zángano dende o da abella Maia).