Peatonalización? Si, gracias.

By ferrolinho

Non é ningún segredo que os enxeñeiros que deseñaron o barrio da Magdalena coma parte do plan de construcción dos arsenais no S. XVIII non pensaron que a súa cuadrícula hipodámica, coas súas prazas do Carme e de Dolores, espazos de convivencia que se prolongaban ó longo das propias rúas, rúas flanqueadas por edificios de dúas alturas, podería perder algún día a súa medida, a súa calidade coma espacio de acollemento.

I é que xa o dixo Protágoras no S. V a.c. “O home é a medida de tódalas cousas”, o home, non o seu automóbil.

As axeitadas proporcións existentes inicialmente no barrio da Magdalena, que facían as rúas espazos amplos, soleados, ventilados e, en consecuencia, salubres para os peóns, téñense visto terxiversadas dende mediados do pasado século XX pola aparición dos automóbiles e a reserva para os mesmos dunha banda de circulación preferente.

Pero, é isto realmente o desexable? Aporta o tráfico polo centro histórico da cidade algún valor engadido ou, polo contrario, resta máis do que suma? Sería Ferrol un sitio máis cómodo ou máis incómodo para vivir cun centro peatonalizado?

Non, non respondan todavía. Déanse uns días para reflexionar. Eu tamén mos vou dar, pois aínda que creo ter xa unha opinión clara ó respecto, nunca está de máis repasa-las ideas antes de expoñelas.

Mentres tanto, unha bela foto da hoxe angurienta praza do Callao, foto que data de finais do século XIX. Por certo, alguén sabe de quen era o busto que presidía a praza e que foi del?

Deixa un comentario