Small is beautiful. Ti que fas por Ferroliño?

By ferrolinho

O barrio da Magdalena

Dúas persoas discuten acaloradamente sentadas nunha terraza da praza de Amboage, no Cantón, no porto, na rúa Dolores, na praza do Inferniño…¡que máis da o lugar! Quen é o ferrolán? Fácil, o que fala mal da súa cidade.
Está claro que o pensamento crítico está fortemente arraigado na nosa cidade pero, que facemos cada un de nós para mellorala? Levado por esta reflexión, e facendo bo o lema do “Small is beautiful” de Fritz Schumacher, pensei na posibilidade de crear este blog, buscando crear nel un foro de opinión acerca de temas relacionados coa calidade de vida na nosa cidade, con espíritu crítico pero, ó mesmo tempo, constructivo.
Ó longo dos próximos meses espero ir deixando neste caderno as miñas ideas acerca de como facer de Ferrol un lugar algo mellor. Se estas ideas son boas ou están trabucadas, vós mesmos poderedes xulgalo.
En calquera caso, resístome a ser un mero voto máis que participa nas decisións acerca do futuro da súa vila unha vez cada catro anos, e, normalmente, con pouca ilusión. Podese ter ilusión por algo que a un lle resulta totalmente alleo? É realmente participativo o goberno da nosa cidade? É este modelo de democracia unha democracia realmente participativa?
Como queira que unha das miñas paixóns é o urbanismo, e nestes lares temos grandes e paupérrimos exercicios da urbanística, manifesto a miña solemne intención de tratar de convertir este blog nun punto de encontro para todos aqueles que cren que un bo urbanismo é unha moi boa base para acadar unha boa calidade de vida. Estades todos invitados.
 Unha aperta, e, como dicía o entrañable sarxento de “Cancións triste de Hill Street” (agora que xa voltamos a ter policías locais nas rúas)…E RAPACES, TEDE COIDADO AHÍ FÓRA.
 
 
 
 
 

 

Unha resposta to “Small is beautiful. Ti que fas por Ferroliño?”

  1. txolas Says:

    Empezar, empezas ben, espero que o proxecto continue no tempo. Moita sorte e cando teña un anaquiño de tempo deisoche a miña opinión.

Deixa un comentario