Este ano fun un ferrolán moi bo. Tomei o arroz con leite en San Xiao, e os freixós no Entroido. Saín nas Pepitas e confeso que case chego a coller sitio para ve-la procesiçión do Encontro (cousa case imposible). Paseei rúa Real arriba e galiano abaixo, fun ás festas de San Xoán, animei ó Racing, vin os fogos de San Ramón, bañeime en Doniños, en Esmelle, en Cobas e en Ponzos, collín a lancha para comer polbo en Mugardos…en fin, que como fun moi bo, quero pedirvos un regaliño, cos meus pais (políticos, se entende) non me acaban de dar: QUERO UN CENTRO PEONIL!!
Para facervos máis fácil o encargo, adreivos algunhas pistas sobre o tipo de centro peonil que quero:
QUE? Unha peatonalización do centro urbán da cidade de Ferrol.
ONDE? Para empezar bastaríame coas rúas: Real dende a Praza de España a Capitanía, Galiano, Dolores e Gravina completas, María dende a Praza de España á Rúa San Diego, Magdalena en idéntico tramo, e, en canto ás transversais, Carme, Rubalcava, Terra, A Coruña, Concepción Arenal e Méndez Núñez, todas elas dende Sol a Iglesia.
En sucesivas fases poderíase pensar en peatonalizar a zona entre a Praza do Callao e as Angustias (rúas Pardo Baixo, Lugo, etc.), a zona de Ferrol Vello (rúas Castro, Cristo, Benito Vicetto e Carmen Curuxeiras), e tamén o contorno da universidade en Esteiro, alomenos nas proximidades da Casa do Patín.
Polo que se refire ó Sánchez Aguilera, simplemente espero que moitas das rúas que nel se xeren sexam peonís, e que só os grandes eixos que conecten esta nova peza urbana co exterior sexan permeables ó tráfico.
CANDO? Xa, polo amor de deus! Levamos un século de retraso con respecto a vilas como Viveiro, e decenios con relación a outras coma Compostela, Oviedo ou Pontevedra. A que carallo esperamos?
COMO? Uff, boa pregunta ista. Tras facer unha pequena tormenta de ideas, ahí van algunhas das posibles actuacións que creo poderían formar parte deste plan:
1. Programa de aparcamentos soterrados disuasorios: a idea sería facer unha rede de aparcamentos situados sempre na periferia da zona a peatonalizar, nunca na mesma zona, pois a idea é que os automóbiles non entren nesta zona salvo casos particulares (servizos públicos, residentes, emerxencias, etc.), pero o máis próximos posible.
Parte deste programa xa está executado (parkings da Praza de España, Mercado, Cantón). Outros bos emprazamentos serían: Instituto Concepción Arenal, Estación de trens (sobre todo se esta se traslada cara ó Inferniño- San Xoán), Sánchez Aguilera, Juan de Lángara, Colexio Cruceiro de Canido, Avenida de Esteiro, Batallóns.
Non parecen apropiados para o desenrolo de parkings neles: Praza de Amboage, Praza do Carbón, Parque Raiña Sofía e Cantón de Molíns, por razóns obvias.
O parking da Praza de Armas podería reconvertirse nun parking para residentes, podendo crearse un segundo parking para residentes baixo as pistas deportivas do Colexio Tirso de Molina.
(Esta solución de parkings baixo pistas de centros educativos xa se ensaiou con éxito en Santiago de Compostela baixo o IES Rosalía de Castro).
Nesta foto aérea extraida do utilísimo Google Earth móstranse os posibles emprazamentos deste “cinto de parkings”. (Verde existentes, vermello novos, azul residentes):

2. Reactivación do transporte público polo centro urbán: sempre polo cinto que quedaría sen peatonalizar (Sol-Arce-Iglesia-Lugo), e empregando para os itinerarios pola zona vehículos de menor tamaño que os actualmente existentes, como se fai en moitas cidades en zonas de difícil acceso (p.ex., en Granada á Alhambra e ó Albaycín chégase en minibuses coma éste).
Rutas? Bueno, difícil respostar a esa pregunta. Evidentemete habería que facer un estudio de demanda. Aínda así, algunhas suxestións:
a) Esteiro Universidade- Avda Esteiro- Correos- Mercado- Porto- Ctra. Alta- Breogán- Amboage- Arce- Iglesia- Callao- Españoleto- Esteiro Universidade.
b) Ambulatorio- Cuntis- Roi Xordo- Sol- Amboage- Raiña Sofía- Breogán- Espartero- Porto- Praza Vella- Costa de Mella- Iglesia- Callao- Españoleto- Avda. Vigo- Cataluña- Ambulatorio.
c) Estacións- Sánchez Aguilera- Dr. Fleming- Almendra- Terra- Sol- Arce- Iglesia- Pza. España- Ctra. Castela- Inferniño- Ctra. Castela- Avda. Compostela (Estacións).
3. Reurbanización das rúas:tanto das que se van peatonalizar coma das que conformarán o “primeiro cinto” (Sol-Arce-Iglesia-Lugo). Nestas últimas debe buscarse a atemperación do tráfico. Polo tanto, carrís estrictos, adoquinado si, posible semaforización dos cruces Sol-Terra, Sol-A Coruña, Iglesia-Concepción Arenal, beirarrúas amplas asimétricas con cambio de lado da beirarrúa ampla en cada mazá, etc. Ah! E moita dureza co aparcamento montando as beirarrúas, pois nestas condicións estorbaría enormemente a circulación, amén de deteriorar aceleradamente as beirarrúas, cousa que xa podemos detectar hoxe en día. A reurbanización das rúas peonís, por favor, con máis calidade (modelos Galiano, Dolores, Carmen?).
4 Regulación dos accesos para residentes: por medio de bolardos retráctiles accionados por tarxeta ou, aínda mellor, por lector de matrículas. Nas rúas peonís con garaxes os residentes que accedan ós mesmos deberían ter unha velocidade moi limitada (15 km/h).
5. Extensión ó centro dos puntos de aluguer de bicicletas: e tamén ás estacións, con posible acceso ó centro a través do Sánchez Aguilera.
6. Política de limitación de horarios para carga/descarga: para os comercios da zona peatonalizada (p. ex. de 9 a 11 h e de 19 a 21 h).
7. Embelecimento cidadán: homoxeneización das placas das rúas, placas informativas en monumentos, placas do tipo “viveu aquí…”, como as que colocan na cidade de Londres, etc.

POR QUE? Para reactiva-lo centro urbán da cidade, reforzando nel a actividade comercial e o seu carácter de centro comercial aberto. Para reducir a pegada enerxética da cidade. Para mellora-la saúde doa habitantes de Ferrol. Para facer de Ferrol e do seu centro urbñan un atractivo turístico en si, potenciando esta fonte de ingresos para a cidade…ou é que agora que a construcción naval volve ir ben ímonos esquencer dos riscos do “moncultivo” industrial e xa voltamos a dar por bo o mesmo?
Creo sinceramente na capacidade de Ferrol para ser un referente turístico en si a nivel por suposto galego, e tamén estatal (non tanto a nivel europeo ou mundial, como o é Santiago, pisemos en terra).
Atractivos? Que tal unha serie de museus de alta calidade e gratuitos, como poderían ser o Museu da Construcción Naval, o Museu da Natureza da SGHN e o futuro Museu da Cidade (que parece non vai arrancar nunca a facerse, xa que a Consellería de Cultura supoño que agora só ten ollos para o herdado Gaiás), complementados pola fundación Caixa Galicia.
E que tal unha ruta guiada polos arsenais e fortificacións da ría, que se desexan declarar Patrimonio da Humanidade, cun bo centro de interpretacióncon exposición permanente? E outra ruta do modernismo, percorrendo os edificios de Ucha? Xa temos un bo xérmono destas últimas ideas coas visitas guiadas que fai o concello.
Así que nada, queridos reis, se de verdade sodes magos, coma din os meus pais, facédelle ve-los políticos desta city este artigo, a ver se queda algo. Unha aperta!!